09/11/12

A punta de pistola - Pág. 99

ALONSO, Fran. A punta de pistola. Vigo: Xerais, 2012. ISBN 978-84-9914-451-1.

 "Hoxe é un día moi especial para este blog. Hai unha cousa inherente á miña vida: a liberdade. Sempre fun libre, maleducada, coa miña cara boa, co meu silencio, di un dos poemas que máis me gustan. Cando estaba na facultade fun a un recital de poesía de Lupe Gómez. Cativoume o seu berro espido, a súa rebeldía conxénita. Nunca sentín tanta empatía como naquel intre e naquel lugar. A poesía ás veces ten tanto poder que nos pode convulsionar. A min pasoume.

Unha das cousas que máis desconcerto me producen da vida de Celia Rivas foi que deixase de conducir cando casou. A súa voda foi unha sorpresa, mesmo para as súas irmáns. Casou en Santiago de Compostela, unicamente coas testemuñas obrigatorias. Ela nin sequera sabía se estaba namorada; simplemente consideraba que, estratexicamente, chegara a idade de casar. E casou. A partir daquel día seguiu sendo o motor da empresa familiar, pero abandonou o volante. O seu home era quen conducía. Foi unha decisión consciente e autónoma, que asumiu por iniciativa propia. Ninguén lla impuxo. E, con todo, saber que tomou esa decisión desconcértame. Se fago un esforzo, debo entender que era outra época, distinta e moi complicada, e que ese feito non é monoscabo ningún para o valor infinito desa muller memorable. Se quixese, ela podería seguir conducindo, como seguiu levando as rendas da empresa coas súas irmáns e independentemente das opinións ou valoracións dos seus homes. Pero non o fixo".


Ningún comentario: